El Progreso

As Vacas da Ulloa comercializará leite fresco ecolóxico en botella de vidro

Na cooperativa, formada por Granxa Maruxa e A Cernada, traballan desde 2014 para poder vender a súa propia produción de leite coa máxima garantía de calidade.

A cooperativa As Vacas da Ulloa, formada no 2014 por dúas familias gandeiras da comarca, está preparando a presentación da súa marca para comezar a comercializar no mes de setembro o seu primeiro produto: leite fresco en botella de vidro. A Granxa Maruxa, situada en Monterroso, e A Cernada, en Palas de Rei, decidiron xuntar forzas para poder afrontar conxuntamente o procesado e a comercialización da súa propia produción.

"O que queremos é a sencillez, por iso comercializarase baixo a marca Sen Máis. queremos sacar o leite fresco como o que ía comprar eu á tenda cando era nena. O obxectivo é ofrecer ao consumidor o noso produto no seu máximo nivel de calidade sen que sexa maltratado nunha centra"», explica Marta Álvarez, da Granxa Maruxa.

A creación desta cooperativa vailles permitir asumir o control de todo o proceso de transformación e control de calidade, dende a produción ata a comercialización, "dende a terra ata o envase", sinala Ana Corredoira, de A Cernada.

Sinalan tamén que esta é "a única maneira de conseguir por fin un prezo digno e poñer en valor todo o traballo que hai detrás". As dúas teñen claro que a cooperación é clave neste proxecto, "somos conscientes de que a única maneira de facer cousas dende a aldea é desta maneira, xuntando forzas e recursos, sobre todo humanos, que é o principal recurso do rural e que se está perdendo", afirma Corredoira.

De entrada xa xeraron un posto de traballo e teñen moitas ideas en mente que requerirán máis xente, contribuíndo á fixación de poboación no rural.

A punto de ver culminado o esforzo de sete anos, Ana Corredoira comenta que se atopan "nun momento moi bonito que é o de defender todo ese traballo diante do consumidor".

As dúas confían en que a honestidade coa que elaboran seu produto lles vai permitir visibilizar e poñer en valor o traballo do sector agrogandeiro e que o público vai saber valoralo. "Temos toda a maquinaria, os coñecementos e a imaxinación para sacarlle partido ao noso leite", afirma Marta Álvarez.

Diferenciación: Leite con valores engadidos

Marta Álvarez asevera que en Galicia, "que é un dos maiores produtores, tomamos leite de calidade moi inferior á que ten en orixe".

O noso leite ecolóxico venderase fresco e en botellas de vidro, un envase recicable que conserva mellor o sabor. Todo o proceso vai ter lugar na Ulloa, "é onde queremos facer este desenvolvemento, conservando os valores da tradición e da produción primaria", explica Corredoira. Isto contribúe a fixar poboación e evita traslados do leite que mingüen a súa calidade.

Prezo xusto

Afirman que terá un prezo xusto tanto para as traballadoras como para os consumidores, que saberán valorar o esforzo que realizan varias xeracións de mulleres do sector agrogandeiro. O seu lema é a honestidade, que lles permitirá reflectir todo isto no seu leite.

Comentarios

Deixa o teu comentario