Sobre Nós
As Vacas da Ulloa
As Vacas da Ulloa SCG é unha cooperativa de traballo asociado que nace co obxectivo de desenvolver un proxecto de envasado, transformación e comercialización de leite e produtos derivados, baixo a certificación ecolóxica. As nosas instalacións atópanse na aldea de A Cernada, no concello de Palas de Rei (Comarca da Ulloa).
As promotoras desta iniciativa somos dúas familias gandeiras que diriximos 2 granxas dedicadas á produción de leite en ecolóxico: Granxa A Cernada e Granxa Maruxa; ámbalas dúas sitas na comarca da Ulloa. Na Cernada, levamos case 20 anos facendo agricultura e gandería ecolóxicas, coa firme convicción de que o modelo de produción de alimentos debe xerar un impacto positivo no territorio, facendo un uso racional dos recursos e favorecendo a conservación da biodiversidade que nos rodea. Somos un total de 4 socias, que decidimos asumir o reto de pechar o ciclo produtivo para así tratar de garantir o futuro dos nosos proxectos a través da creación de valor engadido.
Temos a vontade e o firme compromiso de defender o noso rural e o mundo agrogandeiro dende a formación, dende a xeración de valor engadido sobre os piares da ecoloxía e a sostibilidade, e sempre, dende iniciativas cos pés e o corazón na aldea. E entendemos que para lograr estes obxectivos é imprescindible conectar a produción coas consumidoras, xerando unha complicidade que permita realmente transformar o actual modelo de consumo.
E todo sen saír da aldea e sen afastarnos da granxa e das nosas vacas.